Wednesday 08 de May de 2024

Programan no Roxal unha presentación da obra sobre a oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño


O xornalista Germán Castro é o autor do traballo que afonda na figura desta muller pioneira

O Concello de Neda organiza o martes 20 de xuño na pista polideportiva do Roxal a presentación da última obra do xornalista e Presidente de Honra do Club de Prensa de Ferrol, Germán Castro. Un traballo que leva por título Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos, que supón unha aproximación á cara máis humana da recoñecida oceanógrafa ferrolá.

A cita arrincará ás 20 horas. Será unha conversa coa veciñanza na que o autor compartirá curiosidades da historia persoal e profesional desta científica (Serantes, 1916 – Estados Unidos, 2005), que foi unha pioneira no mundo da oceanografía cando era territorio reservado aos homes. Unha profesional que foi quen de romper barreiras, e á que se lle debe o descubrimento de 22 especies mariñas.

A obra bebe da relación epistolar que, na década dos noventa, o autor mantivo coa protagonista, das entrevistas coas familiares directas, e máis de escritos e novas publicadas sobre esta muller, cunha vida dedicada á investigación e á docencia. Ángeles Alvariño. Mi estela en los océanos busca contribuír a que haxa un maior coñecemento, especialmente na comarca, de figuras de Ferrolterra que tiveron unha relevancia internacional. A presentación enmárcase na aposta do Concello de Neda por descentralizar pouco a pouco a oferta cultural municipal.